|
Tarde de fútbol no Municipal. Enfrontábanse un Bertamiráns B que precisaba a victoria para conseguir o ascenso matemático a 2ª, e un Trazo invicto contra tódolos equipos da parte alta da táboa clasificatoria ata ese momento. Sen apenas tempo para sentar os espectadores, chegaría o 1º gol do Bertamiráns B, arredor do minuto 3, obra de Trastoy de cabeza tras un dos potentes saques de banda do mediocentro local Miguel. Tras o gol, o Trazo púxolle gañas, pero as “avespas” locais contrarrestaban calquera intento do cadro tracense cunha boa presión en todas as liñas. Intentábao o Bertamiráns tentando entrar por bandas, con Alex e con Manu, pero non daba o resultado esperado, o de outros partidos. As imprecisións nos controis de ámbolos dous equipos e a intensa calor eran as notas predominantes no encontro, e non foi un partido de fútbol exquisito, pero o equipo local tívoo controlado en todo momento, non concedendo oportunidades á escadra visitante e facendo un partido serio na liña de atrás. Nun pase por riba da defensa ao filo do descanso, chegaría o 2º gol do Bertamiráns, obra de Brasi cunha vaselina ao porteiro. A sensación no intermedio era como diciamos de partido controlado polo equipo local.
Tras isto, máis do mesmo na segunda metade, pero cun dominio mais notable por parte do Bertamirans, que conseguiría o 3º tanto nun erro da defensa, o cal aproveita Pose para mandar ao fondo da rede o 3º tanto. Lonxe de pensar na celebración, os xogadores locais deron exemplo e continuaron correndo todo o partido , conseguindo un 4º tanto obra de Andi tras outro saque de banda de Miguel para xa pechar o partido. Anecdótico foi o gol de falta do Trazo, que tras petar en Andi cólase na portería defendida nese momento por Javi e deixa o marcador no definitivo 4-1. Aliñación do Bertamiráns B: Chu, Manu, Trastoi, Vales, Miguel, Andi, Pose, Ariz, Brasi, David e Alex. Tralo partido, correu o champán entre os xogadores, que viron recompensado todo un ano de traballo co seu ascenso, algúns xogadores adestrando con Javi Touriño, pero sempre ás ordes de Manuel Ferreiro nos partidos. NORABOA RAPACES! Lista de goleadores do equipo a falta do partido contra o Ortoño: 1- Alex: 19 goles 2- Raúl: 14 goles 3- Brasi: 6 goles 4- Trastoy: 6 goles |